Jealsa únese ás campañas solidarias de recollida de leite e vacinación infantil impulsadas por «Obra Social a Caixa».

El grupo de alimentación mantiene su colaboración en acciones para la infancia.

  • A empresa galega doa o equivalente a 12.000 litros de leite á campaña de recollida de leite, “Ningún neno sen bigote”, promovida por ”a Caixa” e CaixaBank en favor dos bancos de alimentos.
  • Jealsa renovou asímesmo a súa colaboración coa organización “ Gavi, the Vaccine Alliance”, cuxo obxectivo é a loita contra a mortalidade infantil a través da vacinación e un mellor sistema sanitario nos países máis pobres.
  • Grazas ao compromiso de Fundación Bancaria “a Caixa” e da Fundación Bill e Melinda Gates, a cantidade doada a Gavi multiplícase por catro, resultando unha achega final de 24.000 euros.

Boiro, 27 de xuño de 2019. O grupo de alimentación Jealsa sumouse ás iniciativas solidarias que impulsa a Obra Social “a Caixa”, en colaboración con CaixaBank. A empresa conserveira galega renovou a súa participación nas campañas de recollida de leite, “Ningún neno sen bigote”, e de vacinación infantil, “ Gavi, the Vaccine Alliance”.

Este acordo formalizouse na sede de Jealsa, en Boiro, entre o seu presidente Jesús Alonso e a directora de Banca de Empresas de CaixaBank en Galicia, Catalina Gumma. A representante da entidade agradeceu a colaboración de Jealsa e recoñeceu ao seu presidente a sensibilidade que caracteriza á empresa. “Esta xenerosa doazón ten o gran valor de que permitirá atender a máis nenos galegos nestes meses de verán, cando máis escasea o leite nos bancos de alimentos, e vacinar a máis nenos nos países de África e Latinoamérica nos que se leva a cabo a campaña”, destacou.

Pola súa banda, o presidente de Jealsa, Jesús M. Alonso Escurís, felicitou a Obra Social “a Caixa”, polo gran labor que están a desenvolver en acción social e manifestou: “Dentro do programa de Responsabilidade Social Corporativa de Jealsa, os nenos son unha prioridade xa que entendemos que, en calquera sociedade, eles son os máis vulnerables. Como empresa comprometida co desenvolvemento da infancia, non só na nosa contorna, senón tamén a nivel mundial, estes programas encaixan perfectamente cos valores de compromiso e solidariedade que o noso Fundador sempre nos ten transmitido”.

“Ningún neno sen bigote”

A doazón realizada por Jealsa permitirá prover aos bancos de alimentos de doce mil litros de leite. Esta campaña ten como obxectivo poñer solución ao déficit de leite que sofren máis de 1,5 millóns de persoas en España —das que máis de 220.000 son menores, que poderían ver afectado o seu crecemento debido a esta carencia. En Galicia máis de 52.000 persoas recorren habitualmente aos bancos de alimentos galegos para cubrir as súas necesidades nutricionais de alimentos básicos como o leite.

Os Bancos de Alimentos necesitan duplicar as provisións deste alimento para abastecer a todas as persoas que acoden cada día. A súa meta é garantir un mínimo de 3 litros de leite ao mes por persoa.

O leite é unha fonte destacable de proteínas de alta calidade, vitaminas e minerais que contribúe decisivamente ao crecemento e desenvolvemento dos nenos. A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura ( FAO) apunta que, de media, un vaso diario de douscentos mililitros de leite de vaca proporciona a un menor de cinco anos o 21 % das súas necesidades de proteínas e o 8 % de calorías e nutrientes.

Gavi, the Vaccine Alliance

Jealsa colabora dende fai xa varios anos coa Alianza Empresarial para a Vacinación Infantil promovida pola Fundación Bancaria ”La Caixa” e que apoia a “ Gavi, the Vaccine Alliance”, unha organización cuxo obxectivo é a loita contra a mortalidade infantil, facilitando o acceso dos nenos á vacinación e mellorando o sistema sanitario dos países máis pobres do mundo.

Esta alianza consiste nunha innovadora iniciativa de responsabilidade social corporativa pioneira en Europa destinada a facilitar ás empresas a posibilidade de colaborar neste proxecto solidario, garantindo que as súas achegas destínanse integramente á vacinación de nenos.

A doazón realizada por Jealsa, alcanzará finalmente os 24.000 euros, grazas ao sistema de Matching Fund da Alianza para a Vacinación, que multiplica por catro as doazóns recibidas. Coa fórmula 1=4, por cada euro que unha empresa doa, a Fundación Bancaria ”a Caixa” engade outro euro e a Fundación Bill e Melinda Gates engade dous euros máis.

Corporación Jealsa

Jealsa, empresa familiar galega con sede en Boiro (A Coruña), dedícase á fabricación e comercialización de conservas de peixes e mariscos desde 1958. Hoxe en día, a compañía está integrada por 26 sociedades, agrupadas en 4 áreas de actividade: alimentación, pesca e servizos, medioambiente e enerxía. É o primeiro fabricante de conservas de atún en España e segundo de Europa. Jealsa dispón de 7 plantas de producción no mundo, destacando a central en Boiro, coas instalacións máis modernas e avanzadas tecnoloxicamente.

No seu compromiso coa sociedade, Jealsa a través do seu programa de RSC “WeSea”, colabora con diferentes proxectos sociais, ambientais e de sustentabilidade. A educación, a cultura, a saúde, o deporte, a reinserción laboral e a axuda ás persoas con capacidades diferentes, son os eixos principais nos que centra a súa política de patrocinios e colaboracións.

VOLVER